turismo
Con motivo da celebración do día internacional do Turismo, a Área de Cultura e Turismo do Concello de Alfoz fai públicos os datos relativos ás actividades de promoción e información turística levadas a cabo nos últimos meses. Os datos foron presentados o pasado fin de semana no hotel rural Casa Franco de Alfoz, nunha reunión na que participaron Ana Pena Rouco e Noelia Anaí Coto Doval, responsables da Oficina de Turismo, o zoqueiro local Alberto Geada, e o Tenente Alcalde, Xabier Pardiñas, responsable da Área de Cultura e Turismo do Concello de Alfoz. A intención da reunión foi facer un repaso das actividades levadas a cabo durante os pasados meses, así como do número e a procedencia dos visitantes recibidos ao longo de todo o verán 2016, no Castelo Castrodouro.

turismo

Desde o pasado 19 de marzo, o Concello de Alfoz reabriu as dependencias do Castelo do Castrodouro durante os fins de semana e festivos, ampliando este horario durante os meses de xullo e agosto, período no que permaneceu aberto de luns a domingo. Nas instalacións do castelo está aberta a Oficina de Información Turística, que está preto de recibir o visitante 5.000, sendo os meses de maior afluencia os de xullo e agosto, meses con maior actividade no castelo e cando mais turistas visitan as terras de A Mariña, aumentando nun 22 % o número de visitas respecto ao ano anterior.

No mes de xullo a afluencia de visitantes ascendeu a 1031 persoas. Segundo a procedencia, as máis numerosas foron de Galicia (405), Asturias (249) e Madrid (190); e séguenlles en cifras parecidas outras comunidades autónomas como Cataluña (37), País Vasco (36), Andalucía (34), Castela e León (28), entre outras. As comunidades menos presentes foron Murcia (2), Ceuta e Melilla (2), ou Navarra (4). En canto a turistas de outras partes do mundo, viñeron un total de 28 persoas; con procedencia variada: Alemaña, Arxentina, Austria, Francia, EEUU, Perú e Suíza.

Aínda que a cifra total ascende a 1031 visitas, débese ter en conta a celebración do XVIII Mercado Medieval, levado a cabo o venres 15 e o sábado 16 de xullo, días de portas abertas do Castelo de Castrodouro, polo que non existe rexistro de visitantes, e que foron, sen dúbida, o días de maior afluencia de toda a época estival.

Respecto ao mes de agosto, foi o mes con máis visitantes rexistrados, sumando un total de 1731 persoas. Seguindo o mesmo patrón de procedencias que no mes anterior, Galicia foi a comunidade máis presente con 775 visitantes, seguida de Madrid (487), Cataluña (95), Asturias (67), Castela e León (62), País Vasco (61) e Andalucía (44). As menos frecuentes, foron comunidades como Illas Canarias (2), A Rioxa (3), ou Navarra (6).

Neste caso, o número de turistas internacionais foi de 26, e as procedencias diferentes ás do mes anterior: Corea, Francia, Holanda, Israel, Italia, Líbano, e Noruega.

Aparte da recepción e información de visitantes no castelo, a marca Alfoz estivo presente en diferentes lugares como a Cidade da Cultura de Santiago, Vigo, Celanova, O Cebreiro, Castroverde, O Valadouro, Burela, Viveiro, Arenas de Cabrales, Potes, Riaño, Santillana del Mar, Madrid, Nantes e Kermorvan, entre outras, a través do convenio de esponsorización asinado con Alberto Geada.

Actualmente, o Concello de Alfoz está a desenrolar unha aplicación informática para dispositivos móbiles, destinada á información e localización dos recursos turísticos de Alfoz. Esta aplicación xeolocaliza aos usuarios en tempo real o que lle permite situar a súa posición sobre os puntos de interese máis próximos. A aplicación vai acompañada dun acceso directo desde a páxina do concello que permite o coñecemento dos recursos e servizos que se ofrecen antes de realizar a visita (que visitar, onde comer, onde aloxarse…). Ademais desta aplicación, tamén se colocará un directorio de recursos e indicadores para a sinalización do castelo en diferentes estradas de acceso a Alfoz.

De cara ao vindeiro ano, estase a deseñar un novo folleto de información turística e, debido á boa acollida que está tendo a figura de Sargadelos da torre do Castelo do Castrodouro, estudaranse novos produtos para a promoción turística do Concello de Alfoz.